Do 6 ao 20 de outubro tivemos no instituto a exposición “SEN CANCELAS. MEMORIAS DO ARCO DA VELLA EN GALICIA”, una exposición itinerante que percorrerá centros educativos galegos. O Consello da Cultura Galega prestounos esta exposición na que se fai un percorrido sobre a diversidade para fomentar o respecto ante a diversidade sexual e de xénero.
O venres 14 de outubro, o alumnado de Física e Química de 1º de BAC B e C participou no taller científico “Explorando a cosmética… con Ciencia”. O alumnado de 1º BAC A participará no mesmo o día 26 de outubro. No taller, o noso alumnado creou cremas hidratantes e bombas de baño e estudaron as variables que inflúen nos resultados obtidos. Antes desta parte práctica, os investigadores de CINBIO que nos ofreceron o taller, explicaron como funciona un proceso de investigación e fixeron un breve repaso ao método científico e á importancia de traballar con rigor e seguindo unhas metodoloxías concretas.
CINBIO (Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo) está a organizar estes obradoiros para dar visibilidade ao labor dos investigadores e investigadoras e fomentar as vocacións científicas entre o alumnado.
A actividade estivo a cargo de María del Carmen Costas Lago e Marta López Pico, profesoras do departamento de Física e Química do instituto.

