Estimadas familias:

Trasladamos a todos os socios e socias a notificación recibida por parte da Dirección do IES Rosais 2, na que se nos require o cumprimento estrito da normativa sobre dispositivos electrónicos:

1. Normativa do Centro e Lexislación Vixente

A Dirección lembra que o uso de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos persoais está prohibido en todo o centro educativo durante a xornada escolar (segundo a Lei 4/2011, o Decreto 8/2015 e a Orde do 4 de xaneiro de 2024 da Xunta de Galicia).

2. Aplicación no Servizo de Comedor

Esta prohibición é extensible ao tempo de uso do comedor, independentemente de que a xestión sexa responsabilidade da ANPA. O comedor desenvólvese dentro do centro educativo e debe respectar as mesmas normas de convivencia.

3. Medidas e advertencia da ANPA

Como xestores do servizo, e ante o aviso do centro de “reconsiderar a continuidade do servizo de comedor nas condicións actuais” en caso de incumprimento, esta ANPA comunica o seguinte:

  • Responsabilidade da ANPA: Temos o deber de facer cumprir as normas para protexer o beneficio de todos os usuarios.
  • Garantía de continuidade: Para evitar que o centro suspenda o comedor, a ANPA verase na obriga de apartar do servizo a aquel alumnado que incumpra esta norma, garantindo así que o resto de socios poidan seguir desfrutando do mesmo sen interrupcións.

Solicitamos a vosa colaboración e que faledes cos voso fillos e fillas sobre a importancia de respectar esta norma. A continuidade do comedor depende da responsabilidade individual de cada usuario.

Atentamente,

A Directiva da ANPA

O vindeiro mércores 25 de febreiro, ás 19:30 horas, a comunidade educativa volve saír á rúa. As Asembleas Abertas do Ensino Público, federacións de ANPAS e colectivos como ADICOPUVI, en Vigo, convocan mobilizacións simultáneas en seis puntos do sur da provincia de Pontevedra para defender un ensino público digno, inclusivo e de calidade.

Esta convocatoria é unha mostra clara da unidade construída ao longo deste curso entre familias, profesorado e outros sectores implicados na educación, que xorde da preocupación compartida pola situación que viven os centros educativos galegos. As reivindicacións son claras e responden á realidade diaria das aulas, como deficiencias graves nas instalacións de moitos centros, falta de persoal e recursos, recortes que afectan directamente á atención á diversidade e á inclusión real do alumnado, ou unha sobrecarga crecente que recae tanto no profesorado como nas familias. Afirman que o actual curso está sendo especialmente duro. A acumulación de problemas estruturais, xunto coa falta de respostas eficaces por parte da Administración, está a xerar unha situación insostible nos centros. Non se trata de demandas puntuais nin illadas: estamos ante unha problemática de fondo que require compromiso político e medidas concretas e inmediatas por parte da Consellería.

A situación é insostible para a comunidade educativa. “É necesario traballar da man e xuntas cara accións unitarias e masivas”, afirman. “Non aceptamos que se normalicen as carencias nin que se invisibilicen as dificultades que afectan ao día a día do ensino público. A educación é un dereito fundamental e un piar básico da nosa sociedade.”

Por iso, fan un chamamento á participación activa de toda a sociedade civil. “Non está en xogo a situación dun centro concreto, senón o modelo educativo que queremos para Galicia. O 25 de febreiro, ás 19:30, saímos á rúa por un ensino público forte, inclusivo e con recursos suficientes. Toda a comunidade educativa unida nun obxectivo común, participando man a man, porque só coa mobilización colectiva lograremos os cambios que o noso alumnado merece.”

Puntos de saída das mobilizacións:

  • Mos: saída de Sanguiñeda (diante da discoteca Queen).
  • O Condado: saída do aparcadoiro dos IES Pedra da Auga e Val do Tea.
  • O Morrazo: saída do Concello de Cangas.
  • O Porriño: saída da Praza do Concello.
  • Redondela: concentración na Praza Concello de Redondela (conxunta con Pazos de Borbén, Soutomaior e Vilaboa).
  • Vigo: saída do Cruce de Vía Norte con Urzáiz.

 

Fonde da noticia: https://asembleasensino.gal/mobilizacions/

Doc-text Doc-text Nota de prensa en PDF Docs Docs Cartel mobilizacións Mobile Mobile Cartel para RRSS

 

Outros links de interese:

Profesorado e Anpas únense nunha mobilización en defensa do ensino o vindeiro 25 de febreiro (Nòs Diario)

Explicación das reinvidicacións (en PDF)

Nova no Faro de Vigo